Tuesday 30 de April de 2024

A Xunta de Goberno Local aproba a licitación dunha zona de xogos infantís no Avío e do servizo de conservación e instalación da sinalética municipal


A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe, aprobou a licitación do servizo de conservación, mantemento, reposición e nova instalación da sinalización do termo municipal para os próximos tres anos por 1.949.153,44 euros; e do contrato mixto, de obras e subministración, para a creación dunha zona de xogos infantís no parque do Avío, que conta cun orzamento de 117.817,34 euros. Tamén se deu luz verde á resolución das subvencións para o fomento do deporte federado,por un importe de 299.999,76 euros, das que se benefician 52 entidades deportivas de Santiago. Dos acordos adoptados informou, en rolda de prensa, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo.

O “Servizo de conservación, mantemento, reposición e nova instalación da sinalización horizontal, sinalización vertical e elementos de balizamento de tráfico nas vías públicas do termo municipal de Santiago de Compostela” ten por obxecto contratar, entre as empresas especializadas en mantemento, xestión e operación do tráfico, a realización dos traballos necesarios para a articulación da mobilidade en Santiago. O documento recolle o mantemento e conservación, así como a sinalización circunstancial (carrís adicionais, eventos, obras, accidentes, etc.), así como todos aqueles traballos de mantemento do inventario da sinalización, proxectos de mobilidade, tráfico e seguridade viaria, informes en materia de mobilidade, e conservación e modificación de elementos de infraestrutura do tráfico dentro do termo municipal.

O ámbito de aplicación do contrato son todas as vías que á súa entrada en vigor sexan de titularidade do Concello de Santiago de Compostela, así como todas aquelas que pasen a ser de titularidade municipal dentro do período de vixencia do contrato.

Aprobouse, ademais, o expediente o contrato mixto, de subministracioin e de obras, que ten por obxecto a creación dunha zona de xogos infantís no parque do Avío, que conta cun orzamento base de licitación de 117.817,34 euros.

O barrio do Avío na zona de Vista Alegre conta con novas urbanizacións e unha elevada poboación nova que demanda a implantación de zonas de lecer en familia ao aire libre. Por iso, e atendendo a esta petición, o Goberno Municipal acordou crear nesa zona, próxima ao centro social, un espazo de xogos infantís para desfrute da veciñanza.

O expediente de contratación define a proposta como integradora, inclusiva, medioambientalmente sostible e respectuosa coa contorna; que permite e facilita o uso deste espazo verde ao aire libre por parte das familias e menores.

A proposta céntrase na creación dunha área de xogos dunha superficie mínima de 240 metros cadrados na zona superior do parque, cerca do edificio e da beirarrúa para facilitar o acceso, polo que terá que contar cun valado de madeira protector fronte ao tráfico. A superficie cubrirase con pavimento de caucho continuo amortecedor fronte a posibles caídas, posibilitando a circulación con cadeiras de rodas.

En canto aos xogos, deberán posuír un elevado contido lúdico e estarán deseñados de xeito que resulten estimulantes para a imaxinación infantil, ademais de serviren para o desenvolvemento físico e mental dos nenos e nenas. Deberán contar cun deseño atractivo e adaptarse á contorna na que estean situados. Ao tratarse dunha zona verde, deberán primar os deseños de madeira e metais en cores suaves, non permitindo materiais plásticos de cores vivos como barandas ou estructuras.

Por outra banda, aprobouse o expediente de contratación “Subministración e implantación de 20 sistemas de alimentación ininterrumpida (SAIS) para protexer a electrónica departamental e equipos máis críticos da Administración Electrónica do Concello de Santiago de Compostela, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea”, que conta cun orzamento base de licitación de 32.004,50 euros.

Subvencións

A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe, aprobou a resolución e contía das subvencións para o fomento do deporte federado 2022, por un importe de 299.999,76 euros, das que se benefician 52 entidades deportivas de Santiago de Compostela. O obxecto desta convocatoria, aberta o pasado mes de setembro, é financiar, en parte, os gastos derivados da participación das distintas entidades e clubs nas competicións deportivas establecidas nos correspondentes calendarios oficiais das federacións autonómicas e nacionais.

Por outra banda tamén se aprobou, de xeito inicial, a subvención de 116.384,96 euros; destinada á rehabilitación de edificios, das que se beneficiarán 27 propietarios do barrio de Vista Alegre.

A maiores, aprobouse parcial ou totalmente a xustificación de distintos convenios de colaboración asinados en 2022, con Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela; un deles por 119.978 euros; e o outro, correspondente ao programa Vagalume, por un importe de 28.772,56 euros. E a xustificación dos convenios de colaboración coa Asociación de Padres de Personas con Discapacidad Intelectual (ASPAS) por 6.000 euros; coa Asociación de Loita contra as enfermidades do ril da Coruña (ALCER) por 4.000 euros; coa Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental por 5.000 euros; a Asociación Compostelana de Esclerosis Múltiple (ACEM) por 9.000 euros. Todos estes convenios foron asinados en 2022.

Outros convenios, dos que se aprobou a xustificación foron os asinados polo Concello de Santiago coa USC por 11.000 euros; coa Fundación Universidade de Santiago de Compostela por 9.000 euros; e coa Asociación Cultural Correlingua para a actividade Correlingua en Compostela 2022, por 2.500 euros.

Por outra banda acordouse a aprobación da concesión e xustificación das axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo no comercio e hostalería local da contorna da rúa dos Concheiros, a través dos bonos Corazón Concheiros. O importe total das axudas xustificadas ascende a 74.078,15 euros, polo que quedaron sen gastar 921,85 euros; dos 75.000 previstos. E a aprobación e xustificación da concesión das axudas dos bonos Corazón Praza de Abastos por 29.506,44 euros; quedando sen gastar 493,56 euros.

Outros acordos

A maiores, e tal e como estaba previsto, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do contrato de execución do proxecto “Acondicionamento da antiga N-634 no núcleo de Lavacolla (Sabugueira) / Fase I.Plan provincial de cooperación as obras e servizos de competencia municipal POS+Adicional 2/2021. 1ª fase Deputación Provincial da Coruña”, á empresa Alcomte Galicia, SL, por un importe total de 257.732,50 euros; ao ser a oferta máis vantaxosa das presentadas.

Aprobouse ademais o proxecto básico e de execución, co que se inicia o proceso de licitación, das obras de “Conexión á rede de saneamento e acabados interiores dos vestiarios de Lamas de Abade”, por 48.339,51 euros; e a mellora e acondicionamento do local sociocultural de Enfesta; no que se van investir 78.622,86 euros. Tamén se deu luz verde ao proxecto básico de execución actualizado da mellora dos equipamentos deportivos e sociais na parroquia de Figueiras, que sae de novo a licitación por 355.699,97 euros.